marexada mar de fondo mar de vento
dias difíceis. empaquetar en caixas o pasado. papeis, roupas, armários, recordos, sentimentos, alegrias, tristezas. amar as cousas.
fotos, obxectos, sensaciós. plantas, espácios, paredes con alma. fotos. aire, atmosferas, choiva, tempo húmido e frio.
vivendas sen alma, pisos alleos, moradas valeiras, futuro incerto. non romper nada, non tirar nada. romper.
romper co tempo, abandonar os anos, traizoar os recordos. pasear, agredir, voltar, marchar do pasado.
retornar para non retornar máis. pechar unha porta. romper, matar mistérios. eliminar o pouso dos anos.
valeirar recunchos incertos. recuperar vencellos. pechar e abrir. perder e gardar. sofrer e gozar. esquecer e lembrar.
morrer e revivir.
e anceiar a calma chicha.
as voces amortiguadas
As pingas da choiva mansa lavaban o mundo. Escurecian as cores. A luz baixaba.
Camiñaba engorde pola beirarrua. Pensou nun libro que, ao ilo lendo, iba perdendo as suas palabras e consumíndose. Dun só uso.
E, de súpeto, cruzou o seu camiño unha liña branca e negra. Un gato saiu veloz da xanela do soto e metéuse baixo dun coche.
Levaba xa dias rondando aquela zona.
trono no rio celeiro
hoxe as nubes pasan e de cando en vez tapan o sol
despois déixano alumar de novo
renace a vida cada vez que sae
catrocentos vinte menceres nun só dia
cantan os paxaros é martes
o rio os campos
onde antes habia erva agora hai millo para ensilar
e a amenaza do asfalto
agroman os marcos da expropiación
IRMAO WILY AMIGO CAMARADA
ESTÁS A DIÁRIO NA MEMÓRIA.
NO OUTONO FERMOSO DO RIO MERA.
NESTA DOR NAS COSTAS
QUE ME ENGAIOLA NAS NOITES.
NA BELEZA DAS FORMAS
E NOS SOÑOS DA PRIMAVERA.
ESTÁS NA AXENDA DO MEU MÓBIL
COMA AGARDANDO
UNHA CHAMADA INSÓLITA
E TOLA
DESDE UNHA FESTA
CON CHURRASCO E MOZAS.
![]()
——————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————
Amigo Wily (xuño 2006)
Días tristes nas carballeiras de Botos. Rebentan de frores os sabugueiros, arrecenden as madreselvas, romba o trono no ceo.
Fóisenos o amigo, o neno grande, o home máxico, o corazón sinceiro. Unha ollada azul de lóstrego famento de formas, unha república independente de cores brillantes e luz sonora, unha carballeira no deserto dos días.
Nunca eu vira acariñar a madeira cunha ruidosa motoserra con tanta, tanta tenrura.
Levo as catro letras do teu nome marcadas a lume, que me escocen sobre a pel, en carne viva desgarrada.
E agora, falaremos todos do grande artista, farémoslle homenaxes, diremos o bon e xenial que era. E mesmo recoñeceráno aqueles que até agora o ignoraron.

Wily, na carballeira de Santa Sabela (Outeiro de Rei) ©xosé marra / 2005
espello retrovisor
17,95 euros. Pouco máis en dólares.
Na vitrina valeira dun todo-a-cén. Aló estaba ela. Soziña, sen comprador. Ollando aos transeúntes.
Marilyn inmortal.
Coma un espello no que mirarse. Un espello retrovisor. Cara atrás no tempo. No desexo.
Nas ilusiós e nos soños da grande pantalla. Na fermosura do branco e negro.
o mundo é redondo
Todo discorre en curva. E remata pechándose sobre si mesmo. Porque o mundo é redondo.
O Dario Carreiras é un creador de ilusiós.
Desde o seu cuartel xeneral, o Forno de Marrakesh — un local cheo de máxia, frecoentado por artistas, operários da construcción, viaxantes, tipos solitários, cuadrillas de adolescentes, e até algunha xente normal — lanza boomerangs de xenialidade á atmosfera que tarde ou cedo regresan á barra do seu bar.
Un sábado, chegou coma de costume á porta da libraria Malla, entrou, e logo de subir as escaleiras parouse diante dun libro. Abriuno, e comezou a ler. E pouco a pouco foi sentindo cómo a sua própia realidade pingaba, alimentando o conto. El era o protagonista da história, na que estaba a facer un xogo de máxia da sua autoria. Nun conto escrito por unha descoñecida.
En realidade, o Dario Carreiras viña de facer o máis xenial dos seus números de ilusionismo. A sí mesmo: Rizara o rizo.
E é que o mundo é redondo.








