epistolário de eugénia nogueira riomol_026
Hai xa máis dun século, unha antepasada da miña mai, Teolinda Riomol, emigrou alén dos mares desde Vilanova, coma moitos galegos. Pola sua banda, fixo o mesmo desde Paderne un tio do meu avó paterno chamado Xosé Nogueira. O destino quixo que se coñeceran na hoxe República da Calária, unha antiga colónia española que acadou a sua independéncia o dia 4 de setembro de 1956. E aló casaron, na fermosa illa de La Lomera. Tiveron 13 fillos, todos homes menos unha muller, a número 7, a do médio. Puxéronlle de nome Eugénia. Por unha casualidade, eu soupen da existéncia de Eugénia Nogueira Riomol pola internet, co lume do San Xoán do ano 1984. Desde aquela, mantemos unha fluida correspondéncia pola via tradicional: con selos e mataselos de fermosas ilustraciós de aves e bolboretas, de libeliñas e orquídeas de exuberantes cores. Estas son as suas estrañas e cercanas misivas, sen orde cronolóxica e na língoa orixinal, con algunha resposta miña.
——————————————————————————————————————————-
Miña curmá:
Sempre hai unha cunca de café ao comezar unha história. Os paxaros cantan no ar da noite e sobresáltame o ruido dun gato, sixiloso e negro coma unha sombra.
O cheiro da chimenea dime que mudaron as presiós, e que hoxe non vai frio. Sopla o vento do sul. Cando hai unha situación sul, non podo prender a cociña, porque tira mal. O aire de fóra non é frio, a presión é alta, e o fume descende e non sube. Por iso, coa cociña apagada e sen necesidade de sair á rua, sei que hoxe non vai frio. Porque hai ese olor de chourizos afumados.
Escollo a Lester Young para encetar o dia. Mentras bebo o café soa o saxofón lento que deixa ouvir os sons da rua.
Coma unha língoa, exténdese unha lagoa até o centro da cociña. Estivo a facerse toda a noite, pinga a pinga, desprendéndose do iceberg da miña veterana neveiriña. É antiga, pero funciona. É coma unha representación a pequena escala do aumento da temperatura global, do cámbio climático. O conxelador de pingüinos comeza a fundirse e fai elevarse o nível dos mares da cociña. Hai moitos anos, foi dos pais dun amigo; máis tarde utilizouna él; e agora, leva máis de quince anos comigo. Se se poideran xuntar todos os alimentos que tivo no seu bandullo durante todos eses anos, talvez abondarian para resolver o problema do Tucumán.
E agora, cómpre achicar a auga para que non naufrague o meu bote salvavidas. ( En realidade, penso que levo toda a vida tentando achicar a auga no meu bote salvavidas).
Moitos bicos do teu curmao.
Ainda sem comentários.