epistolário de eugénia nogueira riomol_033
Hai xa máis dun século, unha antepasada da miña mai, Teolinda Riomol, emigrou alén dos mares desde Vilanova, coma moitos galegos. Pola sua banda, fixo o mesmo desde Paderne un tio do meu avó paterno chamado Xosé Nogueira. O destino quixo que se coñeceran na hoxe República da Calária, unha antiga colónia española que acadou a sua independéncia o dia 4 de setembro de 1956. E aló casaron, na fermosa illa de La Lomera. Tiveron 13 fillos, todos homes menos unha muller, a número 7, a do médio. Puxéronlle de nome Eugénia. Por unha casualidade, eu soupen da existéncia de Eugénia Nogueira Riomol pola internet, co lume do San Xoán do ano 1984. Desde aquela, mantemos unha fluida correspondéncia pola via tradicional: con selos e mataselos de fermosas ilustraciós de aves e bolboretas, de libeliñas e orquídeas de exuberantes cores. Estas son as suas estrañas e cercanas misivas, sen orde cronolóxica e na língoa orixinal, con algunha resposta miña.
———————————————————————————————————————————————————-
Estimada curmá:
olla, hoxe vou escribir así, de esguello. Veño de mudar a hora dos reloxos. Darlle para atrás. Sonou o espertador ás once, erguinme ás once e média, pero eran as dez e média. Xa me estaban a amolar unhas pombas na caluga.
agora fala na rádio3 juanpablosilvestre de babel. Os corvos berran fóra mentras o sol tenta subir por tras da cerdeira ainda con follas verdes. Canciós de carloscano marialaportuguesa.
a cerdeira verde os xeránios a maceta amarela tras do cristal da xanela malva a lámpada de papel rosaeverde enriba da mesa chea de cousas e roupa a máscara africana a música e os libros da estanteria negra as chupas penduradas na porta xunto ao cartaz de casinodeparisfeminissima abrindo as portas de corredeira cara ás tres postais tamén de paris violonchelo-xitaniña-fotógrafo nós os tres sempre o espácio para o armário o corcho cos recordos a tela da índia máis libros a cama con maladie d´amour nastassiakinski máis libros e de novo a corredeira para sair ao sofá por baixo do foco o cocidodelalín máis libros e a foto de saavedra co confesionário a cabeza de pedra baixo da foto do chapapote a escaleira negra chea de plantas e de novo a xanela malva a maceta amarela os xeránios e a cerdeira verde e os corvos e no centro de todo mundobabel.
Moitos bicos do teu curmao.
Ainda sem comentários.