epistolário de eugénia nogueira riomol_039
Hai xa máis dun século, unha antepasada da miña mai, Teolinda Riomol, emigrou alén dos mares desde Vilanova, coma moitos galegos. Pola sua banda, fixo o mesmo desde Paderne un tio do meu avó paterno chamado Xosé Nogueira. O destino quixo que se coñeceran na hoxe República da Calária, unha antiga colónia española que acadou a sua independéncia o dia 4 de setembro de 1956. E aló casaron, na fermosa illa de La Lomera. Tiveron 13 fillos, todos homes menos unha muller, a número 7, a do médio. Puxéronlle de nome Eugénia. Por unha casualidade, eu soupen da existéncia de Eugénia Nogueira Riomol pola internet, co lume do San Xoán do ano 1984. Desde aquela, mantemos unha fluida correspondéncia pola via tradicional: con selos e mataselos de fermosas ilustraciós de aves e bolboretas, de libeliñas e orquídeas de exuberantes cores. Estas son as suas estrañas e cercanas misivas, sen orde cronolóxica e na língoa orixinal, con algunha resposta miña.
———————————————————————————————————————————————————-
Benquerida Eugénia:
Un neno levaba un globo coa forma dun dálmata. E escapóulle. E ollamos un can a voar na noite, na praza do Campo. Outro dia, na feira, vin voar unha quenlla.
Hai máscaras e xirafas de madeira de teca. Hai tamén xerseis tristes coa bandeira dos ee uu que venden os peruanos que falan quetchua — non lles mancará ver ahí esa bandeira?.
Que busco debaixo de todo este pó? Talvez esteas ti debaixo de todo este desorde que tento eliminar nestes dias do outono.
Fregarei as paredes e as táboas do piso até que aparezas ti coma un fresco esquecido nos muros dos dias e de novo alumees a miña existéncia.
Neste siléncio de domingo co sabor dun café portugués, as follas da cerdeira teñen un brillo verde prata antes de chover.
Unha aperta do teu curmao.
Ainda sem comentários.