epistolário de eugénia nogueira riomol_055
Hai xa máis dun século, unha antepasada da miña mai, Teolinda Riomol, emigrou alén dos mares desde Vilanova, coma moitos galegos. Pola sua banda, fixo o mesmo desde Paderne un tio do meu avó paterno chamado Xosé Nogueira. O destino quixo que se coñeceran na hoxe República da Calária, unha antiga colónia española que acadou a sua independéncia o dia 4 de setembro de 1956. E aló casaron, na fermosa illa de La Lomera. Tiveron 13 fillos, todos homes menos unha muller, a número 7, a do médio. Puxéronlle de nome Eugénia. Por unha casualidade, eu souben da existéncia de Eugénia Nogueira Riomol pola internet, co lume do San Xoán do ano 1984. Desde aquela, mantemos unha fluida correspondéncia pola via tradicional: con selos e mataselos de fermosas ilustraciós de aves e bolboretas, de libeliñas e orquídeas de exuberantes cores. Estas son as suas estrañas e cercanas misivas, sen orde cronolóxica e no idioma orixinal, con algunha resposta miña.
—————————————————————————————————
Benquerida Eugénia:
Soltamos todo ese lastre, e ala!, pensamos que non o imos ver nunca máis. Até nunca!.
Pero un dia, de súpeto, cun atasco no baño comeza a zumegar e a subir.
Chamamos a un profesional –mal pago, porque ten que andar remecendo na merda dos demáis–, e nós desculpámonos. Avergoñados, pois cheira mal, e todo iso son resíduos do noso corpo. Sentímonos culpábeis e indefensos. Coma cando un neno se caga por riba e téñeno que lavar e cambiarlle os cueiros. Voltan a nós os nosos refugallos. Sénteste alí, coas patas para arriba e o cú cagado para adiante. Cun estraño.
Pensabas que nunca voltarias atoparte con toda esa miséria própia.
É todo coma unha GRANDE METÁFORA.
Recibe unha aperta do teu curmao.
Ainda sem comentários.