un tal marra

mentras haxa escrav@s voluntári@s, haberá amos, e portanto, non haberá persoas libres

epistolário de eugénia nogueira riomol_136

Hai xa máis dun século, unha antepasada da miña mai, Teolinda Riomol, emigrou alén dos mares desde Vilanova, coma moitos galegos. Pola sua banda, fixo o mesmo desde Paderne un tio do meu avó paterno chamado Xosé Nogueira. O destino quixo que se coñeceran na hoxe República da Calária, unha antiga colónia española que acadou a sua independéncia o dia 4 de setembro de 1956. E aló casaron, na fermosa illa de La Lomera. Tiveron 13 fillos, todos homes menos unha muller, a número 7, a do médio. Puxéronlle de nome Eugénia. Por unha casualidade, eu souben da existéncia de Eugénia Nogueira Riomol pola internet, co lume do San Xoán do ano 1984. Desde aquela, mantemos unha fluida correspondéncia pola via tradicional: con selos e mataselos de fermosas ilustraciós de aves e bolboretas, de libeliñas e orquídeas de exuberantes cores. Estas son as suas estrañas e cercanas misivas, sen orde cronolóxica e no idioma orixinal, con algunha resposta miña.

————————————————————————————————

     Benquerida Eugénia:

Escuréceme a chuvia. Abráiame ese baleiro que nos move a dous millóns de kilómetros por hora.

As nubes grises deixan caer as pálpebras, e eu soño. Con verbos inventados. A pel envólveme, acaríñame na alma, e sorrín todos os recantos.   

Médrame a calma cando durmo, desaparecen as paredes da casa, as pedras da rúa, e os ruídos da xente.  E xurde un ceo limpo e sen palabras.

Expándese o Universo e con el nós.

     Recibe unha aperta forte do teu curmao.

Anúncios

2017/02/01 Posted by | epistolário | 2 comentários